azul naranja verde

Defensa das Clásicas

As clásicas nas Illas Baleares

Nas illas Baleares o curso 2009-10 comezaba sen profesores de clásicas en oito institutos, aínda que unha boa porcentaxe dos alumnos ten o costume de elixir a vía de humanidades na Selectividade (Grego II e Latín II). As substitucións de latín e grego non se poden cubrir por falta de profesorado especialista debido ás baixas, as xubilacións forzosas e voluntarias e ás poucas reincorporacións. Hai bastantes centros que xa non poden ofertar estas materias tan valiosas para a formación do individuo. O problema desvíase e soluciónase pola vía internet e cando nun centro hai só dous ou tres alumnos tamén se ofrece a posibilidade de estudar latín e grego en rede.

As novas ponderaciones das PAU tampouco axudan demasiado: o latín pondera 0'2 e o grego 0'1 en Estudos ingleses, Filosofía, Historia, Historia da Arte, Lingua e Literatura Catalás e en Lingua e Literatura Españolas. Que se está facendo para defender un maior peso das nosas materias? Na Universidade das Illas Baleares UIB só se imparte grego e latín en primeiro en Historia antiga e a praza de grego está a piques de perderse. Como se pretende que haxa especialistas de clásicas? ...
No medio desta falta de profesorado de latín de grego e de ningunha iniciativa en defensa das clásicas, sae á luz unha nova colección de textos clásicos dentro Edicions do Salobre: Ilion. O primeiro título foi Himnes homèrics coa introdución, a tradución e as notas de Maria Rosa Llabrés Ripoll. O director da colección é Joan Carles Simó. A conjuració de Catilina, Cratil i Helena serán os próximos títulos.
A Sección Balear da SEEC baixo a dirección de Francesc Casadesús, profesor de Filosofía Grega na UIB, organizou un ano máis cunha gran afluencia de asistentes o XV curso de pensamento e cultura clásica 2009-2010. El mundo de las Musas: leer la poesía clásica.

Na edición do XIII festival de teatro grecolatino que a Sección Balear da SEEC vén organizando o festival das Illas Baleares desde 1998, nace oInstituto Balear de Teatro Clásico, Parodos, baixo a coordinación de Juan Carlos Simón, e organizou todo un ciclo de teatro grecolatino en Mallorca, Menorca e Eivissa, dirixido ao público en xeral e, con especial atención, aos alumnos de Educación Secundaria para dotar ao alumno de ferramentas críticas respecto da evolución das formas teatraisdesde as súas orixes.

Pouco se fai a favor das Clásicas nas Illas Baleares agás estas iniciativas persoais ás que habería que engadir a coraxe, a convicción e o entusiasmo do profesor Pep Campillo en defender as clásicas dando a coñecer a nenos de 9 a 14 anos con altas capacidades e superdotación: Dejan a play polo latín e o grego. Ten previsto unha saída a Madrid para traballar in situ a mitoloxía no Museo do Prado e unha viaxe Roma. Xa se sabe: se non se coñece non se valora.

Situación do latín e o grego en Canarias

Aínda que poidan parecer anecdóticas, unha mostra da precaria situación das nosas materias na Comunidade Canaria atopámola nas afirmacións que, en determinados ámbitos da Consellería de Educación, se realizan no sentido de que o latín non serve para adquirir as competencias básicas e na ausencia de matizacións ou rectificación algunha unha vez que esas declaracións se coñeceron publicamente.
En efecto, os profesores de clásicas, que en Canarias se agrupan na Sección Canaria da SEEC e na asociación de profesores INSVLAE, xa no curso pasado sufriron a imposición dunhas ratios inflexibles,
especialmente para Grego I, o que fixo que en varios centros esta materia desapareza das aulas. Non é posible cuantificar a repercusión desta medida, posto que nin a Consellería fai públicos este tipo de datos nin é fácil recompilar a información, centro a centro. Os profesores de Grego senten coma se a súa especialidade estivese en vías de extinción, pero a situación do Latín, sen ser tan grave, non é alentadora. Na normativa deste curso a situación suavizouse en parte, pero o dano máis grave xa está feito. Séguense pondo condicionantes que
fan moi difícil que se poida impartir Grego I e II.
Durante este curso, a SEEC realizou xestións ante a preocupante situación na que quedan as nosas materias pola ponderación en PAU, como nos relata Francisco Santana, vicepresidente da SEEC en Canarias.

"Tras a publicación dos criterios acerca dos coeficientes de ponderación aplicables no distrito universitario único de Canarias, puxémonos en contacto cos Vicerreitorados de alumnos das dúas Universidades para manifestarlles o malestar da SEEC-Canarias polo que consideramos un despropósito académico e unha discriminación en detrimento de os nosos alumnos".


É xusto recoñecer a acollida comprensiva da nosa protesta e o recoñecemento por parte dos responsables dos Vicerreitorados de posibles defectos achacables á precipitación e premura de tempo con que estableceron as mencionadas ponderacións. No entanto recoñécese o carácter modificable e mellorable dos criterios e, ademais, a transitoriedade (dous cursos) destas medidas.

A cuestión, de forma resumida, refírese á valoración asignada a Latín II respecto dos estudos da área de Ciencias Sociais e Xurídicas nos que se lle asigna un coeficiente 0,1 fronte a Bioloxía, Matemáticas II, Física en especialidades como Dereito ou Xornalismo. Este feito é ademais dun despropósito cultural que pon en evidencia os criterios usados que ignoran o curriculum e a natureza das nosas materias. Hai que dicir que Xeografía pondera 0,2 xunto ás materias de ciencias mencionadas. É de destacar que non se establecen separacións de especialidades dentro da área xurídico-social. Xunto a isto na rama de Arte e Humanidades aplícase a Xeografía e Latín ponderación 0,2. A materia de Grego II é ponderada con 0,1 en todas as ramas e especialidades con excepción de Filoloxía Clásica que recibe 0,2. A nosa protesta vai destinada a que se recoñeza a discriminación de que son obxecto os alumnos que cursen Grego II e queiran estudar calquera rama de Filoloxía (excepto Clásicas) relacionada obviamente co seu curriculum porque a súa materia soamente recibe un valor de 0,1 fronte a Xeografía, menos conectada academicamente con estes estudos, que recibe un valor de 0,2 na ponderación.

En vista disto propomos as seguintes modificacións:


1. Dar a Latín II o coeficiente 0,2 en Ciencias Sociais e Xurídicas (isto é evidente polo menos en Dereito e Xornalismo)


2. Ponderar con coeficiente 0,2 ao Grego II en todas as Filoloxías e Tradución e Interpretación (é unha materia específica de formación e capacitación lingüística para traducir e interpretar). Para estas carreiras de índole lingüístico é evidente que Xeografía, cun curriculum doutro contido, debe ter menor ponderación (nas Ramas de Historia e Hª da Arte Xeografía tería o valor 0,2 que agora ten. Evidentemente Grego II tería coeficiente 0,1 nestas carreiras)



3. Equiparar Grego II e Xeografía (coeficientes 0,2 ó 0,1 para as dúas) nos estudos universitarios distintos dos establecidos no apartado 2. Xeografía e Grego II son materias de igual rango académico dentro do Bacharelato de Arte e Humanidades e xa que logo fóra das súas carreiras matrices teñen o mesmo tratamento. Darlle valor distinto establece un desequilibrio non compatible coa súa situación no curriculum de bacharelato e pode supor unha de discriminación gratuíta a favor dunha materia fronte a outra de iguais dereitos, tratamento e valor curricular.

Outra peculiaridade de Canarias é a oferta de educación de adultos. Na Formación Básica de Persoas Adultas, equivalente á ESO, non existen nin Cultura Clásica nin Latín, nin sequera como opcionais, dado que o currículo de adultos limítase ao de ámbitos similares aos de Diversificación. Nos nocturnos, chamados Bacharelatos bsemipresenciais, as materias de latín e grego impártense na metade de horas que as demais materias, en función do número de alumnos. Estas limitacións danse tamén nos Bacharelatos a Distancia, ata o punto de que Grego suprimiuse do Bacharelato por Internet en toda a provincia de Santa Cruz de Tenerife. Ademais, a optativa de Bacharelato "A Mitoloxía e as Artes" foi eliminada do ensino de adultos.

Periga a continuidade dos estudos de Linguas Clásicas na Comunidade Andaluza

A principal ameaza que o profesorado andaluz de linguas Clásicas sofre no momento presente é a remodelación de Departamentos de Coordinación Didáctica que presenta a Consellería no novo ROC:
Con esta lei integraríanse nun mesmo "Departamento Lingüístico" o profesorado de Lingua Castelá e de Linguas Clásicas.

Consecuencias evidentes:

* A diferenza numérica impedirá ao profesor de Clásicas asumir a Xefatura do Departamento e influír decisivamente nos asuntos do mesmo. Na práctica quedará excluído do Equipo Técnico de Coordinación Pedagóxica.

* A situación pode ser grave en cuestións como a elección de materias. Os condicionantes para esta elección son a antigüidade e a pertenza a un determinado corpo. Nesta nova situación, se non se engade de xeito expreso o condicionante da especialidade, poderíanse dar situacións que irían contra o sentido común, por exemplo que, por ter unha maior antigüidade, un profesor de lingua escollese impartir Latín ou Grego en 2º de Bacharelato, á vez que o Licenciado en Filoloxía Clásica se vise obrigado a impartir Lingua Castelá e Literatura en calquera curso.

* Engadimos que, ao estar condicionados os grupos de alumnos de Latín e Grego menores de quince a que non impliquen aumento de persoal, moitos desaparecerían, xa que o profesor de Clásicas estaría sempre a disposición dun departamento que pode necesitalo para cubrir as horas de Lingua e Literatura.

* Doutra banda, será moito máis fácil para a Administración amortizar as prazas dos profesores que se xubilen, caso de que as súas horas poidan ser asumidas polo macrodepartamento.

As entidades que tomaron posturas e iniciaron actuacións en contra da implantación do ROC son principalmente:

A Asociación Andaluza de Latín e Grego, con sede en Cádiz:

En unión da SEEC, e CULTURACLASICA.COM, convocan ao profesorado para manifestar a súa oposición á nova Lei a través do Foro que a Consellería ten aberto na súa web.

Culturaclasica.com, a través da súa web, "solicita que se manteña a actual situación dos departamentos de latín, grego e cultura clásica ou, polo menos, a presenza dun departamento de linguas clásicas que permita que na medida do posible as humanidades queden representadas dignamente dentro dos esquemas organizativos dos centros de educación secundaria de Andalucía".

Facilita enviar enviar o texto de protesta da asociación á seguinte dirección de correo que habilitou a Consellería de Educación da Junta de Andalucía: regulamento.secundaria.ced@juntadeandalucia.es

En canto á SEEC, solicita da Administración:

* "que Cultura e Linguas Clásicas se manteña como departamento independente con representación no Equipo Técnico de Coordinación Pedagóxica, para o que propomos a reforma do artigo 74. Órganos de coordinación docente, parágrafo 2, do modo que segue: suprimir do apartado a) ao profesorado de linguas clásicas e incluír a continuación un apartado co seguinte texto: «Departamento de Linguas Clásicas. Pertencerá a este departamento o profesorado das especialidades de Grego, Latín e Cultura Clásica».

* que o profesorado das especialidades de Cultura Clásica, Latín e Grego teña opción preferente de elección sobre as materias do seu ámbito, para o que propomos a reforma do artigo 80. Departamentos de coordinación didáctica, parágrafo 3, apartado j), do modo que segue: « Propor a distribución entre o profesorado das materias, módulos ou ámbitos que teñan encomendados, de acordo coa especialidade, o horario e as directrices establecidas polo equipo directivo». "

Invitamos a todos os profesores e profesoras de Linguas Clásicas do territorio nacional a que se unan a esta protesta.

Distribuir contido