Esta é a obra que temos que ler para preparar a asistencia á representación teatral que iremos ver a Lugo o vindeiro martes día 5 de marzo, Ifixenia en Áulide (Ἰφιγένεια ἐν Αὐλίδι) de Eurípides, representada polo grupo de teatro «Noite Bohemia» do IES Ramón Menéndez Pidal de Zalaeta, na Coruña.
Como vén sendo tradición e para podermos avanzar na súa lectura, teredes que facer un «pequeno» traballo. Moitos dos libros que adoitades ler durante o curso teñen notas a pé de páxina pensadas para facilitar a comprensión da obra. A edición que tedes nas mans conta cunha boa introdución e guía didáctica pero carece de notas puntuais a pasaxes do texto. Vós seredes quen de anotar esta tradución seguindo as indicacións que vos imos dar.
Primeiro un pouco de información adicional que vos pode axudar a comprender a obra, o autor e a época.
- Eurípides
- Ifixénia en Áulide, a obra.
- Texto en grego
- Tamén podes lela on-line nesta tradución ao español de Germán Gómez de la Mata.
- E se te atreves, aquí a tes o comezo da obra en inglés nunha tradución do ano 2009 a cargo de Edward Einhorn ou nesta de Edward P. Coleridge do ano 1891.
- En francés, por G. Hinstin do ano 1923.
- Ifixenia en Áulide e en Táuride. Mito en imaxes.
- Críticas dunha representación no Festival de Teatro Clásico de Lugo aló polo ano 2008.
- Imaxes do mito na wikimedia.
- Version latina de Ovidio en Metamorfoses XII, 1-38.
- Versión do mito en Lucrecio, De rerum natura, I, 94ss.
- Unha curiosidade. No ano 1968, o grupo de teatro Piraikon Theatron de Atenas representou a obra en Madrid. Velaquí a crítica aparecida no xornal ABC. Fixeron unha xira por España e América, mesmo na Olimpiada cultural dos Xogos de México, do que se fai eco o xornal La Vanguardia.

fresco do sacrificio de Ifixenia. Pompeia, casa do Poeta Tráxico. Museo Nacional de Arqueoloxía de Nápoles
REPERCUSIONES POSTERIORES SOBRE O MITO DE IFIXENIA NA LITERATURA, MÚSICA E CINE.
- 1640 Iphigénie en Aulide, traxicomedia de Jean de Rotrou.
- 1674 Iphigénie en Aulide, traxedia do dramaturgo francés Jean Racine.
- 1774 Iphigénie en Aulide, ópera de Glück e libreto en francés de Leblanc du Roullet.
- 1785 Iphigénie en Aulide, ópera de Ignace Joseph Pleyel.
- 1903 Iphigénie, traxedia en 5 actos de Jean Moréas.
- 1924 Ifigenia, novela da escritora venezolana Teresa de la Parra.
- 1924 Ifigenia cruel, poema dramático de Alfonso Reyes Ochoa, na que se basean as óperas de Roberto Téllez Oropeza e de Leandro Espinosa.
- 1950 Ifigenia y otros cuentos, novela breve de Gonzalo Torrente Ballester. Tédela á vosa disposición na biblioteca do centro (como non podía ser menos).
- 1963 unha curiosidade, El sacrificio de Ifigenia, historieta gráfica publicada na colección «Joyas de la mitología» pola Editorial Novaro con guión de Ruby Cardós e debuxos de Delia Larios.
- 1968 Ifigenia, versión teatral para o programa Estudio 1 de TVE a cargo de Bernardo Ballester.
- 1977 Iphigenia, película do realizador grego Michael Cacoyannis. Podes vela en Youtube en versión orixinal grega con subtítulos en inglés. Tamén tes algún fragmento no mesmo portal.
- 1986 Ifigenia, película do cineasta venezolano Iván Feo, baseada na novela de Teresa de la Parra.
- 2007 Extranjera, filme da autora arxentina Inés de Oliveira Cézar baseado no mito de Ifixenia.
Para ir abrindo boca, en youtube hai unha representación en varios fragmentos da obra polo grupo de teatro Ares do IES Mediterráneo de Cartaxena.
Pronto vos proporcionaré a guía para facerdes o traballo sobre a lectura.

mosaico do sacrificio de Ifixenia atopado en Empúries, Girona



















































