A defensa dos Estudos Clásicos en España: Galicia

Desde hai xa varios anos, os profesores de Clásicas en España estamos inmersos nunha loita pola defensa das nosas materias fronte aos novos plans de educación, que se suceden un tras outro. Desde aquel ministro Solís, de infausto recordo, que proclamaba aquilo de «máis deporte e menos Latín», as Humanidades sufriron un tras outro os ataques das administracións educativas.
Desde Chiron queremos trazar un panorama xeral da Defensa dos Estudos Clásicos en todo o Estado, e dar a coñecer a toda a Comunidade Educativa Clásica as diferentes accións que levan a cabo en cada unha das Comunidades Autónomas, mediante unha serie de entradas publicadas na nosa web.
Comezaremos por Galicia, cunha información elaborada por Maite Miñanbres e Álvaro P.Vilariño, vicepresidente e secretario de SEECGalicia, a sección galega da Sociedade Española de Estudos Clásicos (SEEC).


A Defensa dos Estudos Clásicos en Galicia
En Galicia existen dúas asociacións de profesores de Linguas Clásicas, SEECGalicia (sección galega daSEEC) e EPOS (asociación de profesores de grego), que representan a uns 300 profesores e amantes do mundo clásico de Galicia. Este último ano traballaron xuntas, promovendo unha serie de accións fronte ás autoridades educativas. Tivo lugar un primeiro encontro coa Dirección Xeral de Educación, despois do cambio de goberno na Xunta. Seguiulle outra reunion cos representantes da CIUG (Comisión interuniversitaria de Galicia), a raíz do controvertido documento sobre las ponderacións na nova selectividade, onde a pobre consideración do grego chegaba ata o extremo de puntuar menos que outras disciplinas á hora de cursar Filoloxía Clásica. Houbo unha pronta reacción de SEECGalicia e do coordinador de grego J.J. Moralejo, con cartas e entrevistas cos responsables de tal despropósito. A solución terá que esperar un ano máis. Isto é algo que non só ocorreu en Galicia, como podedes comprobar no Foro de Chiron. O seguinte capítulo de mobilizacións concretaríase no envío, a iniciativa de SEECGalicia, dunhacarta masiva dirixida á Consellería, onde se recollían as seguintes reivindicacións:

  • Modificación do número mínimo de alumnos para poder impartir na ESO as materias optativas (C. Clásica) e opcionais (Latín 4º).
  • Modificación do número mínimo de alumnos para poder impartir no Bacharelato materias propias de modalidade (Grego I e II, Latín I e II).
  • Supresión da norma para todo o alumnado de cursar obrigatoriamente dúas materias propias de modalidade (Historia do Mundo Contemporáneo en 1º de bacharelato e Xeografía en 2º). Sobre todo en 2º, coa Xeografía obrigatoria e ademais dúas materias máis de modalidade con respecto a 1º, complícase a elección e favorécese a desaparición de materias como as nosas.

Así mesmo en SEECGalicia recibimos varias cartas de profesores aos que se lles suprimiron grupos (sobre todo de grego) que non alcanzaban ese mínimo de alumnos. Debemos resaltar o caso dunha profesora de Santiago ao que se lle quixo suprimir un grupo de grego de 2º, baseándose na normativa LOXSE, que só vinculaba ás probas de selectividade, na vía de Humanidades, a Historia da Arte e o Latín II (norma na que se baseou a CIUG para elaborar as famosas ponderaciones). Pero na LOE tanto o grego como o latín aparecen como materias vinculadas ao bacharelato de Humanidades, e a Inspección tivo que rectificar e aceptar este grupo.
Continuaremos loitando cunha serie de accións encamiñadas a que sexan atendidas as nosas reivindicacións. Estas accións concretaranse:

  1. En entrevistas cos decanos das facultades (Filoloxía, Filosofía, Xeografía e Historia, Xornalismo, Dereito, Tradución e Interpertación, Psicoloxía e Ciencias da Educación) onde hai titulacións para as que é razoable que o latín e o grego sexan debidamente valoradas. Instarémoslles a que pidan á Comisión Interuniversitaria de Galicia, que organiza as probas de selectividade, que se ponderen as dúas materias con 0,2 nas probas de selectividade.
  2. Unha nova entrevista coa autoridade competente na Consellería de Educación para negociar a modificación daquelas normas lexislativas que son claramente lesivas para as nosas materias. Transmitirémoslle que por impor unha normativa demasiado ríxida córrese o risco de desaproveitar unha gran experiencia docente do profesorado de clásicas e o alto valor formativo da cultura clásica, do latín e do grego.
  3. Unha entrevista na Dirección Xeral de Recursos Humanos para tratar o tema tan espiñento das prazas de grego e de latín e a reivindicación de que deben ser especialistas os que impartan as nosas materias nos centros.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.